Blogia
hispanitas

NON Ó COBRO DUN CANON POLO PRÉSTAMO NAS BIBLIOTECAS PÚBLICAS

DÍA DA BIBLIOTECA
Mobilización contra o pagamento polos préstamos nas bibliotecas

[22/10/2004 11:14] A posibilidade de que as bibliotecas públicas se vexan obrigadas por unha directiva europea a pagar un canon polo préstamo de libros segue promovendo queixas. Coincidindo coa celebración este domingo do Día da Biblioteca, prepáranse varios actos de mobilización. O luns seguinte seranlle entregadas ao Defensor do Pobo máis de 210 mil sinaturas en contra do pagamento.

A directiva europea de 19 de novembro de 1992 sobre dereitos de aluguer e préstamo e outros dereitos afíns aos dereitos de autor no ámbito da propiedade intelectual establece que os autores se beneficien dun dereito de préstamo exclusivo. Así, poden prohibir o préstamo público das súas obras, ou seren compensados economicamente.

Os bibliotecarios levan xa meses promovendo unha campaña de mobilizacións coa fin de presionar ao goberno para que se acolla á posibilidade de estableceren excepcións en beneficio do interese xeral que a directiva lle deixa aos gobernos de cada Estado.

A crítica do sector bibliotecario inclúe tamén a denuncia de que unido a esa esixencia de pagamento non se prevé tampouco aumento do orzamento para as bibliotecas para compra de libros e prestación de servizos. O luns fáiselle entrega ao Defensor do Pobo das sinaturas recollidas contra ese canon. A continuación haberá unha petición formal de entrevista coa ministra de Cultura e finalmente formarase unha cadea humana no exterior do ministerio.
www.vieiros.com

0 comentarios